🥚 Cinco mulleres que comen tortilla 🥚

Cinco Mulleres Que Comen Tortilla | Señora Supina

CINCO MULLERES QUE COMEN TORTILLA

AUTORES: E. Linder e A. Hodgoob
DIRECCIÓN: Javier Lojo
REPARTO: Nola Drake, Raquel Ferraz, Alba Outeda, Gabi Modesto e Raquel Crespo
ESPAZO ESCÉNICO E ILUMINACIÓN: Vanesa Regengo
DESEÑO GRÁFICO: La Ceja – Agencia de comunicación
ASESORIA COREOGRÁFICA: Beba Galloso

🏆 II Premio Xuventude CREA 2017 da Xunta de Galicia na categoría de teatro.

Cinco mulleres que comen tortilla é unha comedia delirante e enxeñosa que transporta ao espectador á América dos anos 50 grazas ao humor e a unha coidada posta en escena totalmente inmersiva. Un búnker esmeradamente decorado no que se integra ao público desde que entra pola porta, asignándolle a cada persoa un nome. Cada un dos espectadores é unha máis das irmás, unha máis das viúvas convidadas ao concurso de tortillas de Susan B. Anthony.

Sinopse

Ano 1956, América. A Sociedade de Susan B. Anthony das Irmás de Gertrude Stein celebra o seu tradicional Concurso Anual de Tortillas. Este idílico encontro, no que renderán culto a un dos produtos máis marabillosos do mundo, o ovo, vese truncado cando as mulleres teñen que enfrontarse á caída dunha bomba atómica na súa localidade.

Son as últimas superviventes e o medo trae confesións e historias do pasado que farán que cada vez se reafirmen máis na idea de que a tortilla é o máis importante que teñen nas súas vidas.

A liberdade, a relixión, o feminismo, as moralidades e o medo ao descoñecido son os motores desta  exitosa comedia internacional que foi estreada en Chicago antes de formar parte do New York Fringe, converténdose nun éxito absoluto do Off-Broadway e atrapando a milleiros de espectadores de Estados Unidos dende entón. Son moitos os países que acolleron a esta irmandade, acadando enorme éxito en Reino Unido, Australia e, en España, coa versión en castelán.

O que dixeron da obra

É dese teatro no que o xogo e o encontro coas espectadoras e os espectadores están en primeiro termo. Un espectáculo sen pretenciosidade, que ofrece o que pode ofrecer e que o fai con total entrega e convicción.
Unha peza que busca unha diversión liberadora e revitalizante, nunha estética camp plenamente asumida por todo o equipo artístico, e conségueno.
Hai que recoñecerlles o atrevemento! Non é fácil transitar a estética camp e darlle o fol preciso de comedia! E saen vitoriosas do empeño con brillantez.”

AFONSO BECERRA – CRÍTICO TEATRAL

“Una agradable dosis de feminismo combinada con la lucha lésbica y sobre todo mucha comedia.”

ÁNGEL VILA – METROPOLITANO

  • DURACIÓN APROXIMADA: 80 minutos
  • TIPO DE PÚBLICO : Adulto e adolescentes
  • IDIOMA: Galego

Neste sitio web empregamos cookies. Podes ver aquí a    Política de cookies