🛎 Hotel Europa 🛎

Hotel Europa de Señora Supina

  • DURACIÓN APROXIMADA: 85 minutos
  • TIPO DE PÚBLICO : Adulto e adolescentes
  • IDIOMA: Galego

HOTEL EUROPA

AUTOR: Ernesto Is
DIRECCIÓN: Javier Lojo
REPARTO: Nola Drake, Raquel Ferraz,  Raquel Crespo, Alba Outeda e Javier Lojo
ESPAZO ESCÉNICO E ILUMINACIÓN: Vanesa Regengo
DESEÑO DE VESTIARIO: Raquel Crespo
DESEÑO GRÁFICO: La Ceja – Agencia de comunicación
DESEÑO DE SON: Ernesto Is e Javier Lojo
PRODUCE: Señora Supina

COLABORA: Xunta de Galicia, Concello de Vigo, Concello de Ribas de Sil, Concello de Gondomar e Cía. Feira do Leste.

Hotel Europa é unha comedia vodevil áxil e divertida con catro actrices que interpretan a unha morea de personaxes. Unha obra moi do estilo das sitcoms e cunha boa dose de intriga na que uns e outros descubriremos as divertidas e entrelazadas historias dos moradores do Hotel.

Con Hotel Europa non só buscamos entreter e divertir, senón que queremos reflexionar sobre os procesos de transformación e perda de identidade que, as vilas galegas veñen sufrindo por mor da especulación urbanística e o turismo masificado.

Sinopse

O centenario Hotel Europa está a piques de desaparecer por mor da especulación, a crise e o turismo masificado. A variopinta clientela e os traballadores liderados por Dona Aurora, dona do Hotel, loitarán por manter vivo este aloxamento con máis historia de Galicia nunha comedia disparatada e moi petarda. Perrucas, dentaduras, fume e explosións neste vodevil moi petardo.

O que dixeron da obra

«As actrices despregan unha asombrosa técnica para entrar e saír de personaxe como de porta. Un, dous, tres ou catro personaxes nunha mesma peza, con andares diferentes, acentos diferentes, vestiario diferente… todo un reto de ritmo tanto diante como detrás do pano. A capacidade de adaptación de Nola Drake (marabillosa e absolutamente expresiva tan só cun chiflo) é algo sobresaínte, do mesmo xeito que a presenza escénica de Raquel Crespo (responsable tamén do vestiario e a caracterización), a ironía de Raquel Ferraz ou a habilidade na transformación de Alba Outeda. […] Así abre as súas portas Hotel Europa, unha comunidade de seres esperpénticos cuxa tolemia non é diferente da nosa tolemia diaria, co matiz de que elxs a poñen enriba do escenario co marabilloso obxectivo de facer un pouco máis amable a vida, a través do riso, ao seu público.«

IVÁN FERNÁNDEZ – ERREGUETÉ

«Desfrutando deste divertimento, cuxo punto forte, ao meu ver, é a creación escénica das personaxes cómicas que conseguen ir alén do estereotipo do vodevil teatral ou da sitcom televisiva, para achegarse a criaturas case circenses ou de debuxos animados. No estilo vodevilesco de La Cubana, a Señora Supina, fai, ao seu xeito, unha sátira naif da corrupción e a mafia inmobiliaria, fai chiste sobre a aristocracia (por ese hotel ironicamente chamado Europa, que, por veces, pode parecer un puticlub, pasou até o Rey e as súas amantes). No escenario, moitas portas, como pide o xénero da comedia, e moitas sorpresas, igual ca no texto, que se delecta nun absurdo que pode lembrar ao de Miguel Mihura no xogo coa distorsión da causalidade lóxica e coa ridiculización do baleiro das frases feitas. Nola Drake, Raquel Ferraz, Alba Outeda, Raquel Crespo e o propio Javier Lojo crean unhas personaxes que, en si mesmas, na súa caracterización, son un show.«

AFONSO BECERRA – CRÍTICO TEATRAL

Descargar dossier informativo

Neste sitio web empregamos cookies. Podes ver aquí a    Política de cookies
Privacidad