A compañía Señora Supina prepara a comedia Hotel Europa en Ribas de Sil
A compañía viguesa trasladouse á vila lucense con todo o equipo de actrices para preparar a comedia Hotel Europa que se estreará o próximo 18 de febreiro no Auditorio Municipal de Vigo e que conta con Ribas de Sil entre os seus patrocinadores.
“Os ensaios en no auditorio que o concello ten en San Clodio están a ser moi produtivos e xa estamos creando os máis de 15 personaxes que interpretarán as catro actrices do equipo”, sinala Javier Lojo, director da proposta. “Quixemos ensaiar en Ribas de Sil polo coronavirus, queríamos facer burbulla nunha vila do rural para fuxir da sexta vaga e que a COVID non nos paralizase o proxecto. O apoio do concello de Ribas de Sil é fundamental para nós”, afirma Lojo.
Hotel Europa é unha comedia vodevil áxil e divertida escrita por Ernesto Is e dirixida por Javier Lojo. A obra conta coas actrices Raquel Crespo, Nola Drake, Raquel Ferraz e Alba Outeda, que interpretarán a unha morea de peculiares personaxes e co deseño escenográfico de Vanesa Regengo. Unha obra moi do estilo das sitcoms e cunha boa dose de intriga, na que o público poderá descubrir as divertidas e entrelazadas historias dos moradores do hotel. Con Hotel Europa, a compañía Señora Supina segue o camiño da súa exitosa comedia Cinco mulleres que comen tortilla coa que percorreu os teatros galegos, unindo comedia e o valioso papel da muller como creadoras de humor.
Hotel Europa é un espectáculo que busca reflexionar, desde a ironía e o entretemento, sobre os procesos de transformación e perda de identidade que, nos últimos anos, as vilas galegas veñen sufrindo por mor da especulación urbanística e o turismo masificado. Tras a estrea, a montaxe poderá verse en Vigo, Gondomar e Lugo, entre outros concellos de Galicia.
Leave a Comment