Hotel Europa reivindica o humor creado por mulleres
A compañía viguesa Señora Supina pon sobre as táboas Hotel Europa, unha comedia disparatada sobre a corrupción e a perda de identidade na Europa actual. Será na Sala Ártika de Beiramar a vindeira fin de semana, o 11, 12 e 13 de marzo ás 20.00 horas.
“Os espectadores van rir moito cos 15 personaxes que creamos… e vanse sorprender cos cambios de roupa que facemos durante a función que chegan a pasar en menos de 30 segundos”, sinala Raquel Crespo, actriz e deseñadora do vestiario. “É hora de reivindicar ás mulleres como creadoras artísticas e de humor en tempos nos que a xente precisa desfrutar e rir cunha boa comedia”, afirma a actriz Alba Outeda.
Hotel Europa é unha comedia vodevil áxil e divertida que conta coas actrices Raquel Crespo, Nola Drake, Raquel Ferraz e Alba Outeda, que interpretarán a unha morea de peculiares personaxes. Unha obra moi do estilo das sitcoms e cunha boa dose de intriga, na que o público poderá descubrir as divertidas e entrelazadas historias dos moradores do hotel. Con Hotel Europa, a compañía Señora Supina segue o camiño da súa exitosa comedia Cinco mulleres que comen tortilla coa que percorreron os teatros galegos, unindo comedia e o valioso papel da muller como creadoras de humor.
“En Hotel Europa hai perrucas, dentes postizos, moito petardeo, números musicais, cor… temos todos os ingredientes para que os espectadores veñan a rir e desfrutar dunha comedia vodevil coma esta”, sinala Javier Lojo, director de montaxe. “Os espectadores vanse a atopar ante un Hotel moi chamativo deseñado por Vanesa Regengo e co que falamos da perda da nosa identidade por mor da globalización, da especulación urbanística das nosas vilas, da precariedade das camareiras de piso ou dun alegato pola comedia feita por mulleres”.
Hotel Europa conta a historia dun vello e centenario hotel, nalgún lugar da costa galega, que está a piques de pechar polos intereses urbanísticos dun construtor corrupto. Neste contexto, a dona do Europa tentará salvar o aloxamento xunto cos peculiares moradores do Hotel. Este vodevil, que tamén conta con números musicais, fai crítica da vella e elitista Europa enfrontada á precariedade das Kellys e ao machismo que aínda queda na sociedade actual.
Hotel Europa é un espectáculo que busca reflexionar, desde a ironía e o entretemento, sobre os procesos de transformación e perda de identidade que, nos últimos anos, as vilas galegas veñen sufrindo por mor da especulación urbanística e o turismo masificado. A montaxe conta co apoio do Concello de Vigo, Xunta de Galicia, Concello de Gondomar e Concello de Ribas de Sil.
A obra poderá desfrutarse na Sala Ártika de Vigo, na rúa Beiramar 113 o venres 11, sábado 12 e domingo 13 ás 20.00 horas con entrada anticipada de 10 euros.
Leave a Comment