As Mendoza volven á vida da man de Señora Supina e o Museo de Pontevedra
A compañía viguesa Señora Supina é a encargada de encarnar ás irmás Mendoza nunha teatralización que complementa a exposición De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra, organizada polo Museo de Pontevedra no Edificio Castelao.
A exhibición amosa as vivencias de tres mulleres dunha das familias burguesas máis coñecidas de Pontevedra, a Méndez-Núñez, nunha viaxe no tempo a unha historia relativamente recente da cidade. Trátase das últimas moradoras do Palacete das Mendoza —Carmen e as súas fillas Concha e María—, que tiñan un grande gusto pola música e os idiomas e eran anfitrioas de continuas veladas culturais e intelectuais.
As actrices de Señora Supina, Alba Outeda e Raquel Ferraz póñense na pel de Concha e María para achegar ao público a historia do palacete, as receitas de cociña da época ou os gustos culturáis e de estilo da sociedade de primeiros do século XX nunha pequena peza de 20 minutos que complementa a exposición. Poderá verse todos os sábados do 24 de febreiro ao 24 de abril en pases de 17.30 horas e 19.00 horas.
Leave a Comment